lunes, 20 de abril de 2009

Alberto Meira e Álvaro Bañobre xa son líderes do Campionato Galego de grupo N


Este fin de semana disputouse na localidade coruñesa de Noia a terceira proba do Campionato Galego de Rallyes. Nela Alberto Meira confirmou a súa condición de favorito dentro do grupo N, levando á vitoria o seu Mitsubishi Lancer Evo IX.

Antes de facer esta carreira, unha revisión completa do coche revelaba que no anterior rallye correramos con importantes danos no eixe traseiro, agora emendados. Empezamos a proba moi tranquilos, tratando de ir de menos a máis -confesaba Meira- pero segundo avanzou o día os tramos estiveron cada vez máis secos, o que acrecentou as diferenzas co resto de vehículos da cabeza de carreira. O noso coche permítenos pelexar polo grupo N con solvencia, e a misión creo que está cumprida porque logramos a vitoria. Pero se o asfalto está seco, non teño moito que facer fronte aos Mitsubishi grupo A de Burgo e Vidal, que teñen uns 40 cabalos máis, ou os Kit Car de Senra, Bamarti e Vilariño, que pesan 400 kgs menos.

Polo tanto o resultado de Meira en Noia é inmellorable, sendo ademais moi positivo para os intereses deportivos do piloto de Gondomar o feito de que o piloto cántabro Sergio Pérez, que logrou a vitoria (tras a penalización de Pedro Burgo e a exclusión de Martínez Barreiro, a tenor de infraccións sancionadas pola organización) non bloquea puntos de cara ao Campionato Galego.



No hay comentarios: